Select Page

Este cuadrimestre desenvolvemos unha experiencia na materia Dirección de Comunicación (4º curso de Publicidade e Relacións Públicas, Universidade de Vigo), consistente na realización de cuestionarios online durante as sesións docentes. 

Esta experiencia, que da continuidade a outra apliada no 1º curso do mesmo Grao (https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=6769585, pp. 245-254), ten por obxecto dinamizar as sesións teóricas da materia e incentivar a asistencia, ao tempo que se facilita a autoavaliación formativa do estudantado. Así mesmo, tamén busca integrar na aula a utilización dos ordenadores portátiles e dos dispositivos móbiles, que o alumnado emprega en ocasións de forma “ilícita”, converténdoos nunha ferramenta máis da aprendizaxe (fundamentación teórica no capítulo do link anterior). 

Deseño metodolóxico

Partiuse do deseño de catorce cuestionarios, de entre 5 e 12 preguntas, na plataforma de teledocencia FAITIC, empregada habitualmente para o apoio á docencia presencial. 

Os cuestionarios aplicáronse nos dous grupos teóricos da materia, cun total de 91 matriculados. Trala explicación dun contido, a docente abría o cuestionario correspondente na plataforma para que o alumnado puidese respondelo a través do portátil ou o teléfono móbil. Unha vez finalizado, dedicábase uns minutos a facer unha posta en comúns das preguntas e respostas, aclarando os conceptos confusos e facendo especial fincapé naquelas preguntas con pouco índice de acertos. 

Como incentivo, indicouse que a realización dos cuestionarios se tería en conta en caso de puntuacións dubidosas. Ademais, o feito de ter respondido 11 dos 14 cuestionarios facía baixar en dúas décimas a nota  mínima necesaria para superar o exame tipo test.

Unha vez finalizado o período docente distribuíuse ao alumnado unha enquisa online para valorar o seu grao de satisfacción coa ferramenta.

¿Que resultados obtivemos?

Para o cómputo dos resultados excluíuse o cuestionario 9, xa que se abriu por erro o cuestionario do luns na clase do mércores e produciuse unha alteración no número de accesos.

Descartado ese cuestionario, a porcentaxe de resposta oscilou entre o 65,93% e 83,52% dos matriculados, segundo o cuestionario. Estas porcentaxes son superiores ás detectadas na experiencia co 1º curso, onde a resposta estivo entre un 50 e un 86%.

As puntuacións media obtidas pola totalidade de alumnos nos cuestionarios (prorrateadas sobre 10 preguntas/puntos) variaron entre o 5,03 e o 8,75, cun promedio de 7,05 puntos. En tódolos cuestionarios houbo alumnos que acertaron tódalas preguntas e en seis deles houbo estudantes que non acertaron ningunha.

En canto á enquisa ao alumnado, con 26 respostas a 16 de decembro (28,57% dos matriculados), os resultados foron os seguintes:

PreguntasPromedio de valoración de 1 (máximo desacordo) a 5 (máximo acordo)% de respostas de acordo (4 ou 5 puntos)
A realización dos cuestionarios pareceume interesante para dinamizar as sesións teóricas4,6596,15
Os cuestionarios resultáronme útiles para autoavaliar o meu coñecemento da materia4,7392,31
Os cuestionarios servíronme para aclarar dubidas ou conceptos confusos4,6492
En termos xerais, os cuestionarios axudáronme a preparar mellor a materia4,84100

Conclusións

A experiencia resultou satisfactoria a criterio da docente, xa que a realización dos cuestionarios e posterior comentario e debate sobre eles contribuíron a dinamizar as sesións teóricas. Así mesmo, os cuestionarios axudaron a valorar de forma inmediata o grao de comprensión da materia; comprobouse que a asimilación de contidos trala lección maxistral foi axeitada, o que indica un nivel de atención satisfactorio por parte do alumnado, se ben as diferenzas de resultados entre uns e outros estudantes foron moi notorias.  Do mesmo xeito, os cuestionarios permitiron detectar aqueles contidos que non quedaron claros trala primeira explicación; así, trala súa aclaración no momento e na propia aula, cabe agardar que estas confusións non se arrastren ata o día da proba final.

En canto á opinión dos alumnos, para todos eles os cuestionarios permitiron preparar mellor a materia e para a maioría resultaron interesantes para dinamizar as sesións teóricas, útiles para aclarar dúbidas ou conceptos confusos e útiles para autoavaliar o coñecemento da materia. De tódolos xeitos, dado que a porcentaxe de resposta á enquisa aínda é baixa e esta permanece aberta, actualizaremos estes datos se fose preciso.

A experiencia, por tanto, resultou positiva en termos de proceso e satisfacción tanto para a docente como para o alumnado, se ben queda pendente a análise do seu posible impacto nas cualificacións. A este aspecto dedicaremos unha próxima entrada, trala realización do exame da materia.